Arquivos da etiqueta: tradicional

Cita Dobre: Museo do Barrio + Venrespirar

Este venres 14 é día grande para as xentes de ESCUA. Os colectivos que integran este proxecto póñense de gala para unha dobre cita: ás 20:30h inauguramos na Praza da Estrela un novo espazo para a cultura da Cidade, o Museo de Barrio, que permanecerá aberto ata o 11 de maio coa súa primeira exposición: Oh! Barrio. E ás 22:30 baixamos ata o Liceo para darlle ao baile no primeiro Venrespirar deste 2014 da man da AOFT Gomes Mouro e de Algaravía.

Hai corenta anos nacía en Nova York o antepasado do Museo do Barrio. Foi no marco da loita polos dereitos cívicos das comunidades minoritarias dos EE.UU que se concebiu como unha ferramenta máis para a normalización cultural e a educación non formal da comunidade. Diso trata este museo: de dereitos. Do dereito a ter un ocio cultural diversificado nunha cidade cunha clara carencia de infraestruturas. E tamén afonda na liña de traballo sobre o patrimonio cultural físico e emotivo que permita destapar as riquezas da cidade e na da educación creando un espazo para formar e interesar ás futuras xeracións na participación cultural.

A AOFT Gomes Mouro e Algaravía levan xa 10 anos organizando os Venrespirar. Festas itinerantes con música e baile tradicionais ao vivo na cidade de Ourense. Iste ano celebraranse os 2º venres de cada mes dende febreiro ate xuño. Son festas moi dinámicas e participativas que ao longo dos anos foron medrando en número de participantes. Os obxectivos cos que se organizan pasan por disfrutar coa nosa música e baile, dalos a coñecer, favorecer actuacións de grupos de música tradicional e dinamización do baile, ofrecer a posibilidade de que grupos emerxentes teñan un espazo no que amosar o seu traballo, manter viva a nosa tradición e facelo de xeito lúdico e participativo. Pensando no futuro, nos meses de maio e xuño, tamén se organizan os Venrespiriños ofrecéndolle a posibilidade aos nosos nenos e nenas de cantar, bailar e xogar coa nosa tradición.