Arquivos da etiqueta: campaña

AQUÍ NON HAI CULTURA

ANHCPor suposto que aquí, en Ourense, hai CULTURA.
Así, con maiúsculas. E da boa. O noso lema só busca captar a túa atención sobre un problema crónico que leva a sufrir a nosa cidade: Cidadáns, colectivos e axentes culturais traballan na cidade impulsando e promovendo a nosa cutura sen recibir o apoio que merecen.

Falamos da xestión da política cultural.
A que emana da institución municipal fundamentalmente. Aínda que ben estaría dar un bo repaso ás outras administracións, tanto provincial como autonómica no que se refire ás súas liñas estratéxicas no eido cultural. A Concellería de Cultura debe de ter un maior contacto coas asociacións culturais da cidade e interese en divulgar e apoiar a nosa cultura. E NON o está a facer.

E por que agora toca mobilizarnos?
Porque o estado actual das cousas toca coa punta dos dedos o subrealismo e a neglixencia máis absoluta. Porque non hai unha noción clara do que facer en política cultural. Poderiamos dicir simplemente que non existe ningún plano estratéxico para a cultura en Ourense e con iso resumilo todo. Ben certo é que en ningunha outra cidade de Galicia existe tal cousa. Pero iso non nos debería impedir esixilo para Auria, unha cidade vizosa onde as haxa en creatividade e potencial.

Pero non é só iso.
Pérdense fondos europeos e estatais por falta de planificación. Despilfárranse cartos en eventos sen retorno social, económico ou cultural para a cidade. Faltan criterios claros sobre como e onde gastar o diñeiro. Escasea transparencia, claridade, comunicación, competencia, rigor, eficiencia e apoio aos axentes de base.

A cultura é a alma da nosa cidade.
E máis: é un motor de creación de emprego e riqueza. É unha das marcas de cidade máis recoñecible fóra dela. Un potente imán de atracción turística. Un factor que axuda á fixación da poboación na cidade. A CULTURA é un transmisor de coñecementos e valores dentro da sociedade.

É por iso que pedimos.
Un cambio de rumbo total na política cultural na cidade. Sinalamos directamente á responsabilidade do grupo de goberno municipal.
_ Maior e mellor nivel de comunicación con todos os axentes culturais.
_ Máximo grao de transparencia na xestión dos fondos municipais destinados á CULTURA.
_ Elaboración e publicación dun plan estratéxico da xestión da CULTURA en Ourense.
_ Facilidade no acceso ás infraestruturas culturais e municipais para toda a cidadanía ourensá e visitantes.

VIVA A CULTURA! VIVA OURENSE!
ESCUA agrupa a un bo número de colectivos da cidade que traballan na cultura, no ecoloxismo, no feminismo, na música tradicional e en outros ámbitos. Programamos e coordinamos actividades. Tamén procuramos durante catro anos, sen éxito, a apertura dun espazo municipal autoxestionado que sirva como hotel de asociacións.