Por unha cidade mellor

ESCUA presenta esta semana unha alegación ao PXOM de Ourense. Queremos compartila con todas vós na rede porque cremos na intelixencia colectiva e queremos unha cidade mellor. Pensamos que ser transparentes, tamén dende os colectivos cidadáns é a mellor das opcións. A nosa alegación procura a calificación de equipamento socio-cultural unha parcela do Casco Vello da cidade. Queremos unha cidade histórica viva, chea de xente creando e participando. Tamén con alta actividade social, residencial e comercial. É a cidade que nós imaxinamos e pola que loitamos construtivamente.

Cita Dobre: Museo do Barrio + Venrespirar

Este venres 14 é día grande para as xentes de ESCUA. Os colectivos que integran este proxecto póñense de gala para unha dobre cita: ás 20:30h inauguramos na Praza da Estrela un novo espazo para a cultura da Cidade, o Museo de Barrio, que permanecerá aberto ata o 11 de maio coa súa primeira exposición: Oh! Barrio. E ás 22:30 baixamos ata o Liceo para darlle ao baile no primeiro Venrespirar deste 2014 da man da AOFT Gomes Mouro e de Algaravía.

Hai corenta anos nacía en Nova York o antepasado do Museo do Barrio. Foi no marco da loita polos dereitos cívicos das comunidades minoritarias dos EE.UU que se concebiu como unha ferramenta máis para a normalización cultural e a educación non formal da comunidade. Diso trata este museo: de dereitos. Do dereito a ter un ocio cultural diversificado nunha cidade cunha clara carencia de infraestruturas. E tamén afonda na liña de traballo sobre o patrimonio cultural físico e emotivo que permita destapar as riquezas da cidade e na da educación creando un espazo para formar e interesar ás futuras xeracións na participación cultural.

A AOFT Gomes Mouro e Algaravía levan xa 10 anos organizando os Venrespirar. Festas itinerantes con música e baile tradicionais ao vivo na cidade de Ourense. Iste ano celebraranse os 2º venres de cada mes dende febreiro ate xuño. Son festas moi dinámicas e participativas que ao longo dos anos foron medrando en número de participantes. Os obxectivos cos que se organizan pasan por disfrutar coa nosa música e baile, dalos a coñecer, favorecer actuacións de grupos de música tradicional e dinamización do baile, ofrecer a posibilidade de que grupos emerxentes teñan un espazo no que amosar o seu traballo, manter viva a nosa tradición e facelo de xeito lúdico e participativo. Pensando no futuro, nos meses de maio e xuño, tamén se organizan os Venrespiriños ofrecéndolle a posibilidade aos nosos nenos e nenas de cantar, bailar e xogar coa nosa tradición.

 

Facendo memoria: 2013

colectivosRemata o primeiro mes 2014 e toca facer balance do pasado ano. Os colectivos que formamos ESCUA puxemos en marcha numerosas actividades ao longo dese período que, nun exercicio de transparencia e difusión, queremos compartir con vós. A listaxe é abondosa e non queremos quedar só nos datos. Porque cremos que a cultura e o asociacionismo son algo máis que números. Vivimos nunha era chea de estatísticas por todas partes. Pero para nós iso non é o que importa. Ficamos satisfeitas co sentir de cada persoa que participou das nosas iniciativas. No eido do teatro, da pintura, do cinema ou da música tradicional. Loitando polos seus dereitos, no feminismo, no ecoloxismo e nos dereitos humáns. Promovendo unha veciñanza activa e unha cidadanía responsable. Malia todo, e para os que sí que gosten, velaquí algúns datos que ilustran a nosa actividade no 2013:

Artes escénicas e audiovisuais: Montaxes teatrais e unha ducia de representacións. 6 Venrespirar o evento de lecer compartido ao redor da música tradicional. 26 proxeccións de cinema e restauración da sala na biblioteca nodal. Concertos, mercado e animación de rúa na festa histórica a Bela Auria. Torneos de xadrez, roteiros culturais, concursos fotográficos e de relatos. Producción propia de documentais.

Actividade formativa: 100 persoas en cursos de música tradicional, 150 coñeceron o programa de voluntariado europeo e 200 máis participaron en obradoiros de enerxías limpas, compostaxe, alimentación sustentable ou agroecoloxía.

Actividades para cativas: Dende os Venrespiriños ata os cursos de música tradicional para pequenas. 20 representacións teatrais en centros educativos da cidade. Obradoiros mediambientais específicos para os máis novos. A Bela Auria Pequeniña, a irmá pequena da festa histórica de Ourense en colaboración coa MOTI.

Datas sinaladas: As xentes de ESCUA e cada un dos colectivos que a integran estamos presentes de xeito moi activo no días grandes da cidade: os maios, o magosto, o entroido, as letras galegas. E a pé de rúa reivindicando a dignidade da muller traballadora, loitando contra a violencia de xénero ou polo dereito ao aborto. Promovemos unha cidade máis verde realizando actividades o día da terra, o día dos humidais, o do medio ambiente, o da auga ou os días europeos sen coches e pola reducción de resíduos.

E máis: mostras, exposicións, congresos, arte urbana, historia, patrimonio, performance, recuperación de espazos, procomún, campañas, xuntanzas, VERÁNeARTE, concentracións, roteiros, certames, premios, mercadiños, FIB, danza, conferencias, xogos tradicionais, comparsas, coplas, pasarrúas, montaxes, reunións, debates, redes sociais, FECAL, animación á lectura, redacción de proxectos e memorias, festas. concursos, reciclaxe, construcción, xornadas… e máis que han de chegar ao longo do 2014.

O proxecto de ESCUA: Un Espazo Cultural Asociativo

Velaquí o proxecto que ten ESCUA para a cidade de Ourense: Un Espazo Cultural Asociativo. Un “Hotel de Asociacións” onde teñan acubillo todos aqueles colectivos da cidade que traballen no campo da cultura, asociacionismo e activismo. Un contedor aberto a propostas de todo tipo, que funcione baixo a premisa fundamental da autoxestión e que sexa motor dinamizador do espazo urbano. Porque apostamos por unha cidadanía activa, pola cultura de base, por uns barrios vivos e polo lecer participativo. En resumo: bo vivir na cidade.

FECAL 2013

Aquí tedes un anaco do que deu de sí a edición 2013 do Festival Ecuménico da Canción Atea e Libertaria. Unha brincadeira musical que armamos as amigas da ESCUA no remate de cada ano. E é que semella que non abonda con apostatar para fuxirmos do poder da igrexa xa que cada día que pasa extenden os seus brazos máis alá das igrexas cara ao ensino, cara aos dereitos humáns… E contra iso, que mellor que retranca da boa!

Señora, chega o FIB 2013

Mentras aínda estamos gozando do veránÊarte, a programación cultural de ESCUA para este verán na cidade, comezan xa os preparativos de moitos colectivos para a grande fin de festa: o FIB 2013. E que é o FIB? preguntaredes. Acaso se trata dunha edición alternativa do grande festival “POC-ROCK ou ROCK-POC” de Benicassim? Chegarán a Ourense 30.000 fibers dende Inglaterra, arrasarán coas reservas de cervexa da cidade e farán balconing na Praza Maior? Nada máis lonxe diso: o FIB  é a nosa especial celebración da cultura de base na cidade, o noso espazo de encontro, a festa pensada pola xente e para a xente. Os colectivos que formamos parte de ESCUA e todas aquelas que se queiran apuntar xuntarémonos na Praza de San Marcial a xornada do 29 de agosto. Comezamos con degustación de petiscos ás nove, organizada por Semente e Amigos da Terra, e a Exposición Artelleta, organizada por Anacos da Cidade e remataremos co FIB o festival musical onde colle o humor e a crítica social. Tes unha letra impactante? A túa versión da mandanga fala de Bárcenas? Quizais Marcial Dorado te inspira un bolero? O FIB é o teu sitio. Se queres participar xa estás tardando en enviar o teu nome, contacto, nome artístico e título da canción a escuacolectivos@gmail.com. Tamén podes anotarte na tetería Grándola, na mesma Praza de San Marcial, antes do 27 de agosto.

Sí, eles tamén queren participar máis as bases do festival non llo permiten.