Arquivo da categoría: Proxecto

Por unha cidade mellor

ESCUA presenta esta semana unha alegación ao PXOM de Ourense. Queremos compartila con todas vós na rede porque cremos na intelixencia colectiva e queremos unha cidade mellor. Pensamos que ser transparentes, tamén dende os colectivos cidadáns é a mellor das opcións. A nosa alegación procura a calificación de equipamento socio-cultural unha parcela do Casco Vello da cidade. Queremos unha cidade histórica viva, chea de xente creando e participando. Tamén con alta actividade social, residencial e comercial. É a cidade que nós imaxinamos e pola que loitamos construtivamente.

O proxecto de ESCUA: Un Espazo Cultural Asociativo

Velaquí o proxecto que ten ESCUA para a cidade de Ourense: Un Espazo Cultural Asociativo. Un “Hotel de Asociacións” onde teñan acubillo todos aqueles colectivos da cidade que traballen no campo da cultura, asociacionismo e activismo. Un contedor aberto a propostas de todo tipo, que funcione baixo a premisa fundamental da autoxestión e que sexa motor dinamizador do espazo urbano. Porque apostamos por unha cidadanía activa, pola cultura de base, por uns barrios vivos e polo lecer participativo. En resumo: bo vivir na cidade.